Friday 03 de May de 2024

As achegas da vicepresidencia da Xunta de Galicia benefician con máis de cen mil euros a 9 asociacións da provincia da Coruña


O Delegado Territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou Zas para felicitar pola súa iniciativa a dúas entidades veciñais de Zas, que en 2018 repararon un sendeiro e melloraron a traída de augas con este plan de axudas

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou hoxe en Zas acompañado pola directiva das entidades as obras promovidas en 2018 pola asociación de veciño A Fonte de Fornelos e pola Comunidade de usuarios para o aproveitamento da auga potable da vila de Zas. No primeiro caso, a asociación recuperou un sendeiro ao longo do río que toma o nome do municipio e a Comunidade mellorou a canalización de auga na rúa e praza de da Taberna.

Cada unha destas actuacións contaron con achegas de 12.000 euros da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, dentro do Plan Específico de acción comunitaria destinada a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia; comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais.

O delegado territorial aproveitou a visita para anunciar que a Xunta de Galicia vén de resolver esta mesma semana as axudas deste plan para o ano 2019, que na provincia da Coruña deixarán achegas de algo máis de 100.000 euros, que beneficiarán a 9 entidades asociativas dos municipios de Santiago, Frades, Ribeira, Zas (2), Vedra, Culleredo e Boqueixón (2).

Ovidio Rodeiro felicitou ás entidades de Zas pola súa iniciativa e destacou que estas axudas contribúen a “fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal, sempre implicado na realidade social da súa contorna, que grazas a este programa pode impulsar melloras en infraestruturas de uso público e mellorar a prestación dos servizos básicos para beneficio de todos os veciños e veciñas”.

Esta liña de subvención iniciouse no ano 2016, e a día de hoxe está plenamente consolidada nos orzamentos anuais da Dirección Xeral de Administración Local. Nos exercicios 2016, 2017 e 2018, ao abeiro desta orde de subvencións outorgáronse 626 axudas, e a cantidade total destinada a este fin foi de 6.400.000 euros.

Por parte das asociacións de veciños e asociacións de mulleres rurais este plan concede axudas destinadas ao acondicionamento e mellora dos locais sociais e á compra de novos equipamentos, o que lles permite manter a actividade que desenvolven, así coma a prestación de novos servizos, organización de actividades e reparacións de camiños veciñais. As comunidades de usuarios de augas poden conseguir axudas para a execución de obras de reparación de traídas veciñais de auga.
As axudas económicas que se conceden poden acadar a totalidade do investimento realizado cun límite máximo por entidade de 12.000 euros para a realización de obras e de 5.000 euros para dotación de equipamentos. Compre destacar que esta orde, para facilitar a execución das obras subvencionadas a estas entidades, prevé a realización de pagamentos anticipado do 100% da contía da subvención concedida.